Introdución:

Información obtida do traballo de investigación “La imprenta y el libro en las comarcas de Verín y en Trás os Montes”, de D. Santiago Cid Harguindey, (non publicado).

A imprenta en Verín nos seculos XIX e XX

A primeira imprenta da que se teñen noticias na vila é a de Francisco Carrenque, prototipo de impresor viaxeiro, xa que consta, que se establece en Verín en 1890 (Imprenta El Brillante), na rúa da Cruz, número 17, para imprimir “La Voz de Verín” que dirixía D. Carlos Grangel Ortíz, e que tivo unha duración moi corta. É moi posible que o mesmo Carrenque imprimira “El Eco” no 1890, pero non hai constancias sobre o mesmo.

No ano 1894, aparece D. Francisco Carrenque, con imprenta en Vigo, editando un xornal chamado “Comercio de Vigo”, cuxo primeiro número saíu o 14 de xaneiro, do citado ano, e alcanzou os vinte números e máis tarde tamén reaparece na cidade de Ferrol.

A imprenta de D. Francisco Carrenque, ou polo menos unha gran parte dela, debeu ser adquirida por D. Lino García Vázquez, que desta forma foi o segundo titular da mesma. No ano 1898, sae deste taller o xornal “El Támega”, dirixido polo propio D. Lino García Vázquez. A partir de 1902, muda o seu nome polo de “Nuevo Támega”, seguindo o mesmo director e realizándose na mesma imprenta da Praza Maior, antiga Praza de José García Barbón. Deste xeito comeza a súa andadura coma revista semanal ilustrada, e aínda que sempre titulouse “Semanario Independiente”, a súa línea conservadora, foi cambiando coa entrada en política do fillo do seu director, D. Manuel García Becerra, que chegou a ser deputado republicano e fai cambiar a D. Linos (coma se coñecía popularmente) cara a unha corrente máis progresista, acorde coa cor política do seu fillo.

Retrocedendo no tempo, no ano 1890 edítase “El Clamor”, nos talleres de tipografía de D. Pedro Casado, na rúa Maior número 11, e máis tarde en 1900, os irmáns Velasco redactaban o xornal “La Opinión”.

Os formatos dos xornais fanse máis grandes e contan cunha maior variedade de tipos, destacando o uso de orlas con deseños barrocos. Co paso do tempo van aparecendo nas páxinas destos xornais, grabados con debuxos e anagramas en bronce, realizados polas fotomecánicas da época e incluso en madeira para as seccións fixas, normalmente na última folla que era invariablemente completa de anuncios fixos durante longas épocas, producto de artesáns locais.

Xa entrando no século XX, aparecen outras imprentas en Verín. En 1911, D. Eladio Fuentes Cid e D. Ramón Fuentes Pazos, abren unha nova imprenta na rúa do Perú, número 7, hoxe rúa Lisa, na que se imprimen xornais coma  “El Heraldo de Verín”, “El Agrario de Xinzo” e  “El Eco de Monterrey”.

Os xornais editados pola imprenta Fuentes, de signo conservador, mantiveron sempre unhas fortes polémicas co “El Támega” e có seu director D. Lino García, que incluso, en máis dunha ocasión, remataron nos tribunais, como a famosa agresión de D. Antonio Oterino Cid, director do “Heraldo de Verín”, exalcalde de Verín, no interior da propia igrexa da Merced, a D. Lino García. Como era de esperar ambos xornais interpretaron a sentenza ao seu xeito, incluso levado ao extremo como foi o artigo do 1 de marzo de 1926 do “Eco de Monterrey”, que ademáis xustifica a agresión.

O fin da República co golpe de estado, é o fin desta época dourada para o xornalismo na vila do Támega, cun final tráxico que aínda hoxe estremece aos habitantes de Verín. D. Lino García Vázquez, xulgado en Ourense por rebelión militar e sentenciado a pena de morte, foi executado no Campo de Aragón o 17 de xuño de 1937, aínda que saíron na súa defensa moitas familias conservadoras de Verín, pero as súas intercesións non serviron de nada. Despois da guerra civil, e tras a execución de D. Lino García, a maquinaria da súa imprenta é trasladada ao Mosteiro de Oseira, e máis tarde á Deputación Provincial,  tan só permanece en Verín a de Fuentes, co nome de Viuda de Ramón Fuentes, onde imprímense os anuncios e panfletos da “Falange Local” e  publica “España Nueva”, de efímera duración que pecha definitivamente esta imprenta no ano 1976.

No ano 1957, D. Luis Dasairas, empregado da familia Fuentes, instala a súa propia imprenta, procedente da que tiña Carrizo, que pasaba por dificultades económicas, na Avenida de Portugal, e posteriormente é trasladada á Praza Maior onde está hoxe a Libraría Dasairas.

A imprenta Fuentes, que aínda traballou uns anos baixo a dirección dun antigo empregado da familia, coincide coa apertura da Imprenta Monterrey, na avenida de Portugal, a cargo dun exempregado de D. Luis Dasairas, que actualmente permanece aberta e que durante un tempo imprimiu a revista “A Tempo”, de curta duración.