Traballo de fin de grado de Dona MARÍA ISABEL VILLAMARÍN ALONSO, presentado na Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago, xuño de 2017.

Nota: Este é parte do traballo de Dona María Isabel Villamarín Alonso, que reproducimos baixo o seu expreso consentimento. Para calquer reproducíon, xa sexa total ou parcial, deberase solicitar autorización á autora, estando rexido pola Lei de Propiedade Intelectual.

Análise de todas as cabeceiras xurdidas en Verín dende o 1875 ao 1936

El Eco (1889)

Trátase do primeiro semanario que apareceu na provincia de Ourense fóra da capital (Cid Harguindey, 2016). Ademais, esta publicación puxérona en marcha un conxunto de rapaces novos implicados nas loitas políticas da Restauración.  O seu director foi Sergio Mascareñas e segundo apunta Marcos Valcárcel (1987) sobreviviu até o 1906 (p.118).

El Clamor (1890-93?)

Non se sabe a data exacta da súa publicación. O subtítulo de este xornal era “Periódico semanal científico y de intereses locales”. Estaba dirixido por Mariano Diéguez Amoeiro e a súa liña editorial tiña tinxes republicanos (Valcárcel, 1987, p.121). A diferenza de outros xornais da vila, este imprimíase en Ourense. Cabe sinalar tamén que tivo dúas épocas diferenciadas, na segunda de elas pasouse a chamar “El Clamor de Verín”. Ó igual que o anterior xornal, este tamén tiña unha periodicidade semanal e segundo apunta Cid Harguindey (2016) logo imprimiríase nos talleres de Pedro Casado na Rúa Mayor nº 11. Ademais, cabe sinalar que tiña diferentes prezos de subscrición. En Verín custaba 1,20 pesetas no trimestre e na Península 1,30.

La Voz de Verín ( probablemente saíu no 1890)

Esta publicación é contemporánea de “El Clamor”. Con el manterá fortes polémicas xornalísticas. Segundo apunta Cid Harguindey (2016) a súa tendencia era liberal e estaba dirixido por Carlos Rangel e tiña a Jacinto Becerra e a Ricardo Oterino como redactores. A súa impresión foi na imprenta de Carranque que será adquirida anos máis tarde por Don Lino Vázquez para imprimir “El Támega”. A súa vida foi moi efémera (Valcárcel, 1987, p.121).

La Provincia (1894)

Non se teñen datos acerca de esta publicación. Só se sabe que xurdiu no ano 1894 e que tivo un período moi curto de vida.

El Támega e Nuevo Támega (1898- 1936)

Será un dos xornais que máis importancia teña na vila. Trátase dunha cabeceira conservadora fundada por Don Lino García Vázquez. Dende o 1902 pasou a chamarse “Nuevo Támega” e a súa liña editorial irá cambiando cara unha visión máis liberal e republicana. Desaparecerá no ano 1936 coa chegada da Guerra Civil. Nun primeiro momento será unha revista semanal ilustrada de catro páxinas e con anuncios na última. Segundo comenta Valcárcel (1987) o seu primeiro subtítulo será “periódico semanal”, porén logo nos anos da Segunda República pasará a subtitularse “Semanario Republicano Independiente”. (p.143).

Ademais, cabe sinalar que foi un xornal que polemizou con todos os da época. Publicou un total de 2006 números converténdose así nun dos que máis peso tivo na vila durante a época estudada. No seguinte capítulo analizarase en profundidade debido a que é un dos xornais con máis peso e consideración.

El Clarinete (1899)

Trátase do primeiro xornal humorístico que sae á rúa na vila no mes de setembro do 1899. Nace, e segundo apuntaba na súa editorial, para “castigar y contener los desmanes  y desbordamientos de “El Támega””. Ao igual que o resto de publicacións da época, consta de catro páxinas con publicidade na última. Tiña diferentes seccións con perfís e contaba ademais de outras seccións que informaban sobre a situación da época (Cid harguindey, 2016).

La Opinión (1900)

Trátase dun semanario con matices liberais que naceu o 11 de marzo do 1900. Segundo Cid Harguindey (2016) imprimiuse na imprenta de Pedro Casado na rúa maior número 11.  Hai diversidade de opinións de quen foi o seu director, algúns estudosos apuntan a que foi Antonio Rodríguez Toubes, porén outros como o propio Cid Harguindey din que foi Agustín Cancio Amoeiro. Algúns dos seus colaboradores son Mariano Amoeiro ou Manuel Núñez González, poeta de Vilardevós (Valcárcel, 1987, p.139).

La Víbora (1906)

Apenas se coñece información sobre esta cabeceira pero sábese que era de carácter republicano, non hai nada apuntado sobre a mesma nos diferentes estudos que se levan feito porén, para a realización de este estudo contamos con un xornal de este semanario, do que apenas existen fondos. Concretamente o seu número un como queda reflectido na súa portada.

Tendo isto en conta podemos saber que a primeira vez que saíu a rúa foi o 5 de xaneiro do ano 1906[1] e tratábase dunha publicación quincenal. No subtítulo do xornal infórmase de que se trata dunha cabeceira, en palabras literais: “periódico jocoso y a veces circunspecto”. Visto isto, poderíase afirmar que é un xornal cunha tendencia humorística. Porén, esta información pódese adiviñar no resto do xornal xa que, tamén nesta primeira páxina traen o seu programa escrito. Nel explicase que será un xornal para o pobo, onde se terán en conta principalmente os intereses locais pero, sobre todo, os intereses das mulleres xa que o que quere facer e dignificar o devandito sexo sen por iso menosprezar ao masculino. Tamén advirten que non perseguen intereses e fan mención ao xornal “ El Támega” dicindo que as únicas pretensións de todos os que alí traballan son os cartos e non o mero gusto de escribir. As seguintes imaxes mostran un pouco do que se acaba de falar.

Ao contrario que as demais publicacións da época, este xornal constaba de oito páxinas. A súa estrutura é sinxela e empeza con contos e poesías, logo consta dunha sección que se chama “Picaduras”. Nela, segundo se describe, o que se pretende é ridiculizar todos aqueles actos de “desdigan” a cultura da vila e principalmente todos aqueles que teñan que ver co amor. Quen di que vai escribir esta sección, un tal Failde, faino dende Xinzo de Limia, polo que se supón que de alí tamén son estas murmuracións sobre a vida amorosa das persoas, sobre todo, de aquelas máis notables da vila.

Tamén é una publicación que informa sobre bailes, reunións ou outro tipo de eventos pero sempre cun todo irónico e até se podería dicir burlón. Toda a súa información reviste un ton de ironía. Neste número tamén hai un texto bastante amplo no que se explica o que é a muller ou, ao meu entender, que é o que eles entendían que é a muller.

Non é un xornal que se imprimise en Verín, xa que como se pode apreciar na última páxina, a súa imprenta era La Editorial situada na rúa Paz, número 12 en Ourense. o seu prezo de subscrición era de 0,60 céntimos no trimestre, ao semestre 1 peseta e ao ano 2. Estaba escrito en castelán e o seu deseño é similar aos da época, porén só emprega dúas columnas, deixando un marxe moi grande e sen ningunha ilustración.

Por outra banda, na portada non trae o nome do seu fundador nin información ningunha sobre os seus escritores. As letras que emprega son similares ás dos demais xornais da época, é dicir,  serif con ornamentación nos estremos, tanto para os títulos como logo no corpo. Entre as diferentes novas das seccións hai unha pequena ornamentación que crea estabilidade e fai ver un deseño máis centrado. Como é o primeiro número, non aparece publicidade, pero esta iría na última páxina como se indica na mesma.

Con todo, é un xornal diferente ao que se vía na época e, ademais, moi atrevido porque non teñen ningún inconveniente nin en destapar murmuracións nin en contar a verdade. Solo polo mero feito de defender á muller xa é algo que se debe de ter como un gran avance para aquela época.

Heraldo de Verín (1911-46)

Esta cabeceira é outra das que mais importancia tivo na comarca de Monterrei durante a época citada. O seu subtítulo era “Semanario defensor de los intereses del distrito” e tamén “semanario Independiente”. Segundo Valcárcel (1987) a súa imprenta era a de Eladio Fuentes e, como a maioría da época, saía semanalmente os martes (p.163).

Segundo Cid Harguindey (2016) foi unha cabeceira que mantivo fortes polémicas co xornal “El Miño” de Ourense. No seguinte capítulo analizarase en profundidade debido a que é un dos xornais con máis peso e consideración.

 El Eco de Monterrey (1920-36)

O subtítulo de este xornal apunta o seguinte: “Órgano del partido liberal-conservador y defensor de los intereses generales del distrito”. A súa imprenta será a de Eladio Fuentes, a mesma que a de “Heraldo de Verín”. Fundarase o 8 de xullo por Antonio Oterino Cid quen tamén o dirixirá e, o contrario que a maioría dos xornais da época que eran semanais, este sairá a rúa cada 10 días (Cid Harguindey, 2016).

Segundo apunta Cid Harguindey tivo fortes polémicas con “Nuevo Támega” xa que ambos defendían posturas que diferían. No seguinte capítulo analizarase en profundidade debido a que é un dos xornais con máis peso e consideración.

El Cencerro (1926-27?)

Trátase dunha publicación quincenal cómica que se fundou o 15 de agosto de 1926. Sae a rúa cada 15 e 30 de mes e é o órgano da xuventude de Verín. Tamén se imprimía na imprenta de Eladio Fuentes e o seu fundador foi Celso Baladrón Sanz. Segundo apunta Valcárcel (1987) non superou o ano de vida e os seus números foron escasos (p.193).

No seu subtítulo podía lerse que era unha cabeceira que defendía todo o indefendible. Tamén constaba de 4 páxinas con publicidade na última e nel podíanse atopar artigos humorísticos. A cor do xornal era rosa forte e estaba escrito en castelán (Cid Harguindey, 2016). Os prezos eran 0,60 a subscrición en Verín, 1,10 pesetas fóra de Verín, no estranxeiro 1,60 e os números soltos 0,10 céntimos.

Deste xornal púidose acceder a un número para analizalo en profundidade. Trátase do xornal do 15 de outubro de 1926[2]. Aínda que se trata dunha cabeceira con toques humorísticos, a súa estrutura e composición é a mesma que a dos demais que se podían atopar neste período. Por debaixo do nome e do subtítulo do xornal aparece unha liña de texto, a modo de rima, na que tamén se advirte o ton descarado e as intencións da cabeceira “Yo chuzo sin compasión, por pesetas no me vendo, yo de andrómenas no entiendo y al ladrón llamo ladrón”. O resto da estrutura da páxina de portada é moi similar a de “Heraldo de Verín”. O prezo do xornal aparece inserido nun recadro por debaixo do nome, onde tamén aparecen as iniciais do director e no que se informa de que os prezos da publicidade son os convencionais.

Esta composto de catro columnas e ten varias seccións diferenciadas como son “Cencerradas”, “Cupidogramas”, “Chismorreo” ou “Que me cuenta Usted”. A última de elas é a mesma que se emprega en “Heraldo de Verín”, coa mesma tipografía e co mesmo debuxo que a acompaña. En cada unha das seccións trátanse aspectos moi parecidos, o que pasa e que na primeira de elas faise a modo de poesía. Porén o eixo común do que trata este xornal é mostrar todas aquelas accións, sexan da índole que sexan, que a xente non quere que se saiban. Ademais, nos “Cupidogramas” aparecen sempre declaracións de amor, de calquera aspecto. A última sección, pola contra, subtitulada “noticias al vuelo”, da conta da vida diaria da vila con pequenas informacións sobre os ires e vires de todo aquilo que acontece na vila e pode chegar a ser de interese para os compradores do xornal.

Por outra banda, a última páxina está dedicada á publicidade aínda que na primeira tamén aparecen algúns anuncios. Non hai ningún tipo de ilustración no xornal  e a tipografía empregada é Serif  con adornos nos extremos tanto para o corpo como para os diferentes títulos. O nome do xornal emprega outra fonte diferente, xa que os carácteres son do estilo Palo seco e redondeados.

Non é unha cabeceira que teña moita ornamentación, senón que as novas están separadas por unhas pequenas liñas e a publicidade tamén está separa por liñas sen ningún tipo de adorno.

El Diario de Verín

Pouco se coñece acerca de esta cabeceira. Sábese que nel colaborou  José María Pereda Álvarez.

Monterrey (1935)

Sae a rúa en decembro de 1935 e, segundo apunta Cid Harguindey (2016) estaba dirixido por Arturo Benito Silva e era un “semanario republicano defensor dos intereses de Verín e a súa comarca”, como se apunta no seu subtítulo. Con está nota da editorial vemos que é unha publicación que abre un pouco máis as súas miras e busca un público máis amplo entre a xente de toda a comarca de Monterrei. Tamén estaba composto de catro páxinas pero a publicidade ía na segunda e na terceira, aínda que como se verá ao analizar un número, esta é máis ben escasa. Ademais, contaba con seccións de política e sociedade pero a súa vida debeu de ser moi curta xa que meses despois da súa aparición estalou a Guerra Civil.

O número do que dispomos é do 15 de xaneiro de 1936[3] e, ao contrario que os demais xornais da época, non trae información acerca dos seus prezos nin da publicidade. A súa portada é moi limpa e nela só se ve a información xusta, como o número do xornal ou a data. Está escrito a catro columnas, non ten ilustracións e tampouco ningún tipo de ornamentación na separación das novas.

Por outra banda, tampouco se poden apreciar sección definidas pero, como os demais de esta época tan convulsa, traen moita información política, sobre todo do bando ao que están adheridos. Deste xeito, neste número pode apreciarse xa en portada un discurso dado por Maura ou críticas contra Luís Espada, non afín ideoloxicamente co  xornal. Esta cabeceira tamén trae noticias breves nunha sección que ten por nome “Ecos de sociedad” e, os titulares das novas están máis traballados e inclusive algúns teñen título, antetítulo e subtítulo.

A tipografía que se emprega é similar á de outros xornais da época. Os titulares, así como o corpo, utilizan unha letra Serif con ornamentacións nos extremos. Por outra banda, na publicidade non se empregan grandes adornos, a non ser no recadro que envolve a todo o texto.

Figura 2 .  Exemplo de titular no xornal Monterrey

Polo demais, pódese afirmar que é un xornal profundamente político, xa que o 80 % das novas está dedicadas a ese tema e, tamén é moi  importante destacar que o papel do Partido Republicano deféndese de maneira moi profunda.

España Nueva (1936)

No seu subtítulo podíase ler “Todo por la patria, nada contra la Nación”. Deste xeito, falamos dunha cabeceira fundada e dirixida por José Arjiz Salgado o 20 de agosto do 1936. Esta tiña unha orientación falanxista. A información que podíamos encontrar era xeral e local, sobre todo trataba os temas relacionados coa Guerra Civil, empezada había moi pouco. Segundo apunta Valcárcel (1987) a súa vida foi moi curta, só editou sete números na imprenta da viúva de Ramón Fuentes e desapareceu en outubro do mesmo ano.

Na portada aparecía o debuxo da bandeira española a dúas cores e tiña catro páxinas a catro columnas con publicidade na última, sobre todo de Verín. Estaba escrito en castelán e entre os colaboradores podemos falar de Benito González Solagaistúa, Manuel Fuentes Pazos, José María Pereda, Juan Ros, Arturo Benito Silva e etc (Cid Harguindey, 2016).

O número do que se dispón para analizalo un pouco máis detidamente é do día 28 de agosto de 1936[4], é dicir, o número dous de este xornal. Con isto vemos que a súa periodicidade é semanal. A primeira nova xa indica a tendencia falanxista do xornal ao explicar que apoian a causa da guerra iniciada en todas as súas vertentes. Ademais, ao lado de esta nova hai unha lista de nomes na que se indica todas as persoas da localidade que puxeron cartos para apoiar a causa. As novas que se encontran nas páxinas interiores tamén están relacionadas coa fronte e nelas ou se fala do que fixeron as tropas franquistas, ou se menciona, cunha linguaxe despectiva, o que fai o bando contrario. Tamén hai listaxes de aqueles que se van unir ás tropas. É dicir, é un xornal que ten toda a información relacionada coa guerra. Ademais, tamén hai algunha nota necrolóxica e algún apunte sobre o cine.

A tipografía utilizada é similar á Bell MT actual e o nome do xornal utiliza letras redondeadas, en minúscula e con recheo. Non hai ornamentación nin ilustracións e a linguaxe que se utiliza é de exaltación á patria e ao réxime franquista. Algo moi similar o que podiamos ver na propaganda de Guerra que se repartía eses anos.